Monday 06 de May de 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ven de iniciar obras de mellora na escola infantil da rede “Galiña Azul” en Milladoiro (Ames)


O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social, ven de comezar obras de mellora na escola infantil da rede autonómica “Galiña Azul” de Milladoiro, en Figueiras, no concello de Ames.

Esas actuacións, que o Consorcio prevé levar a cabo antes de que remate o ano, están incluídas no seu Plan de Inversións e suporán en total preto de 20.000 euros. A elas se sumarán outras intervencións de mantemento da escola, que levará a cabo o Concello de Ames e cuxo importante rondará os 6.000 euros.

As principais reformas que desenvolverá o Consorcio son o arranxo da cuberta do centro, a mellora da ventilación e calefacción, a reparación da pérgola do patio exterior, o pechamento do aseo da sala de usos múltiples-comedor, a reposición dalgúns elementos para a súa mellora e outros arranxos interiores na escola.

Pola súa banda, o Concello de Ames comprométese a realizar, entre outros, traballos de pintado de interiores, a reparación de elementos de madeira do patio exterior ou a reposición de estores nas aulas de bebés.

O Consorcio, que ten asinado co Concello amiense un convenio de colaboración para a xestión da escola infantil de Figueiras, pretende garantir con estas obras o seu correcto funcionamento e a prestación dun servizo de calidade para todos os usuarios.

A escola infantil de Figueiras, que fora inaugurada en maio do ano 2010, ten unha capacidade máxima de 102 prazas, das que no presente curso 2016-2017 están ocupadas 94: 15 nenos de 0 a 1 ano; 26 de 1 a 2; e 53, de 2 a 3.